Ao longo dos últimos anos, as políticas activas de emprego teñen gañado un importante peso no eido da promoción e mellora da empregabilidade das persoas desempregadas para facilitarlles unha axeitada busca de emprego e unha inserción laboral axustada; e dentro destas políticas activas, unha das accións fundamentais que se desenvolven nesta materia é a orientación laboral.
Ante un escenario como o actual, no que o número de persoas desempregadas reflicte a incidencia da crise económica no eido do emprego, o labor da orientación laboral é máis necesario que nunca, coa esixencia adicional dunha maior eficacia e eficiencia para enfocar os recursos de orientación dispoñibles a resultados, permitindo ás persoas desempregadas unha maior autonomía e implicación nos seus procesos de busca de emprego.
Desde esta perspectiva, é tamén máis necesario que nunca desenvolver accións especializadas e especificamente destinadas a mellorar a cualificación e as competencias do persoal que se está a dedicar ou que ten como obxectivo dedicarse aos labores de orientación laboral, de xeito que poidan desenvolver este labor coa máxima eficacia e eficiencia, tanto en beneficio das persoas atendidas como no seu propio.
Por este motivo o Consorcio das Universidades Galegas (CIXUG), co apoio da Consellería de Traballo e Benestar e o cofinanciamento do Fondo Social Europeo (Eixo 2, Medida 2.65, Programa Operativo de Galicia 2007–2013 CCI2007ES051PO004 “Modernización e reforzamento de instancias en relación co mercado laboral”), reúne de xeito integral nun curso de carácter práctico e especializado as mellores prácticas no ámbito da orientación laboral, xunto coas competencias necesarias para permitir ao persoal de orientación laboral aplicalas no seu día a día con garantías de máxima utilidade.
“Modernización e reforzamento de instancias en relación co mercado laboral”
Deste xeito, o CIXUG pretende colaborar no desenvolvemento dun currículo específico que por unha banda permita ás persoas participantes no curso desenvolver as súas capacidades para mellorar a calidade das actividades de orientación laboral que reciben as persoas desempregadas; e que por outra ofreza ás institucións que oferten estes servizos ás persoas desempregadas, un instrumento obxectivo que acredite a capacidade deste persoal para o óptimo desenvolvemento das accións que teña previsto abordar.
Para saber máis: